Montes de Vigo na escola
MONTES DE VIGO NA ESCOLA | 1. MONTES PERIURBANOS CON VOCACIÓN DE USO SOCIAL | 2. MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN | 3. SERVIZOS ECOSISTÉMICOS | 4. FLORA E FAUNA
OS MONTES DE VIGO NA ESCOLA é unha iniciativa da Mancomunidade de Montes de Vigo en colaboración con Vegalsa-Eroski que pretende divulgar o uso social do monte entre a poboación escolar de Vigo e dara a coñecer os valores naturais, patrimoniais e sociais que proporcionan os montes veciñais en man común á cidadanía.
1. MONTES DE VIGO: MONTES PERIURBANOS CON VOCACIÓN DE USO SOCIAL
A Mancomunidade de Montes de Vigo (Montes de Vigo, en diante) é a entidade que aglutina as 14 Comunidades de Montes Veciñais e en man común do concello de Vigo (Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Comesaña, Coruxo, Castrelos, Lavadores, Matamá, Oia, Saías, Teis, Valladares e Zamáns)
Os montes de Vigo supoñen 1.565 hectáreas de espazo forestal, o que supón arredor do 17% da superficie do termo municipal, dos cales o 56,7% está considerado como de uso social.
Os montes de Vigo contan con 35 hectáreas de áreas recreativas, a meirande parte delas conveniadas co Concello de Vigo, así como cun importante patrimonio arqueolóxico (45 gravados rupestres catalogados, 12 mámoas, 12 castros, xacementos, etc) e etnográfico (muíños, camiños enlousados, etc).
Tamén é de salientar que polos montes de Vigo discorren 128 km de sendeiros trazados (GR-53, PR-G1, PR-G5, PR-G9, sendeiros locais e rutas temáticas -senda do bosque, ruta das mámoas, ruta das esculturas, parque temático Arco da Vella-).
Dende os anos 80, as Comunidades de montes veciñais en man común de Vigo foron recuperando os montes que lles foran usurpados durante a época da dictadura, realizando un proceso de rexeneración paulatino que permitiu combinar a dimensión de explotación forestal coa dimensión de uso social. Co gallo do 25 aniversario da Mancomunidade de Montes de Vigo elaborouse un video no que se resume o proceso vivido (AQUI).
Cos lumes de outubro de 2017, un terzo dos montes de Vigo foron arrasados, afectando a cinco comunidades de montes. No primeiro aniversario do desgraciado episodio, 1300 escolares participaron nunha plantación e nun acto simbólico de lembranza (AQUI)
2. MONTES DE VIGO: MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN
A singularidade dos montes de Vigo é que maioritariamente son montes veciñais en man común, ou sexa, son montes que pertencen aos veciños e veciñas da parroquia onde se asentan e son xestionados polas Comunidades de Montes, da que forman parte aquela veciñanza que conta "con casa con fume" na parroquia e queren ser membro das mesmas.
No caso da parroquia de Bembrive, ao ser unha Entidade Local Menor e por tanto unha forma de administración local, os montes teñen a consideración de monte público, se ben a lóxica é semellante.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común xunto con diversas entidades do sector publicaron unha Guía Didáctica (AQUI) e un Libro de actividades (AQUI) nos que se afonda na figura do monte veciñal en man común: a súa singularidade e características, a súa historia, a normativa vixente, os servizos ecosistémicos, etc.
A modo de resumo pódese indicar o seguinte:
- En que consiste?: nun sistema de xestión e aproveitamento colectivo do monte. O monte é de toda a parroquia no seu conxunto, de nadie en particular. O monte transmítese dunha xeración a outra ata o fin dos tempos.
- Orixe: no século V cos pobos xermánicos que se estableceron en Galicia tras a caída do imperio romano.
- Uso tradicional: Ata o século pasado, toda a parroquia empregaba o montes para recoller madeira ou para pastar os animais, ademáis de para obter as traídas de auga para a agricultura.
- Quen xestiona o monte veciñal en man común?: Comunidade de Montes tomando as decisión de xeito democrático.
- Quen pode pertenecer á Comunidade de montes?: quen teña “casa con fume” na parroquia e queira asociarse.
- Curiosidade: Hoxe en día hai arredor de 2800 CCMM en Galicia que xestionan o 33% da superficie forestal galega (700.000Ha.)
3. MONTES DE VIGO: SERVIZOS ECOSISTÉMICOS
Cada vez máis vese o monte como un provedor do que se denominan "servizos ecosistémicos", ou sexa, de beneficos que un ecosistema aporta á sociedade e mellora a súa saúde, a súa economía, a calidade de vida das persoas, etc. Con esta perspectiva vaise máis aló da visión produtivista do monte, para incorporar a visión social e medioambiental, no que a conservación da biodiversidade é primordial. No seguinte esquema recóllese a idea xeral.
Nestes momentos a Mancomunidade de Montes de Vigo, en agrupación coa Universidade de Vigo, está facendo un estudo destes servizos e, particularmente, deténdose nos servizos recreativos -moi característico no caso dos montes de Vigo por ser montes periurbanos-, nos recursos hídricos -por ser bastante descoñecidos e de vital importancia- e na absorción de CO2 -por ser un tema con crecente importancia-. Algúns exemplos pódense ver nas seguintes imaxes.
Na medida en que a sociedade viguesa sexa conscente da importancia que teñen os montes de Vigo como infraestruturas verdes que melloran a calidade de vida da cidadanía, máis estarán dispostas a que se realicen labores de mantemento e ampliación de recursos como os parques forestais, os sendeiros, etc, ou que se aporten recursos públicos para crear corredores verdes como pode ser o Anel Verde de Vigo ou se apoien ás Comunidades de Montes nas prevencións de incendios ou na toma de decisións para que se opte por especies forestais autóctonas fronte a especies pirófitas.
4. MONTES DE VIGO: FLORA E FAUNA
Os montes comunais ocupan un Concello de Vigo, 1.565 ha. de superficie forestal, o que representa un auténtico cinturón verde que rodea a cidade.
As masas forestais dos montes veciñais en man común de Vigo ocupan o 17% da superficie do termo municipal e, aparte de desempeñar importantes funcións ecolóxicas como a captación de CO2, retención de auga e produción de materias primas, son o refuxio dunha biodiversidade moi salientable tanto de flora como de fauna.
Nos montes mestúranse diferentes tipos de bosque como piñeirais, soutos de castiñeiros, carballeiras e bosques de ribeira arredor dos ríos e regatos. O resultado desta diversidade é un gran bosque, un verdadeiro pulmón para a cidade e un importante refuxio de vida.
Parte da superficie forestal dos montes comunais está adicada á produción de madeira, entre as especies máis empregadas para este fin están o piñeiro (Pinus pinaster) e o eucalipto (Eucaliptus globulus), mais tamén podemos ver plantacións de outras especies como o abeto douglas (Pseudotsuga menziesii), o roble americano (Quercus rubra) ou a cerdeira (Prunus avium).
Outra porcentaxe importante dos montes comunais están adicados a uso social ou a conservación. É precisamente nestes terreos onde podemos atopar os hábitats naturais mellor conservados e que albergan maior biodiversidade.
Tendo en conta a cobertura arbórea atoparemos diferentes ecosistemas como matogueiras e fragas ou bosque autóctono.
Matogueiras. Na zona de Vigo as áreas sen arborado soen estar cubertas por especies de mato, estes ecosistemas son coñecidos como matogueiras. As matogueiras poden ser de orixe natural, por exemplo cando o terreo é moi pedregoso e no se poden desenrolar as árbores ou as condicións ambientais o impiden, como nos cantís mariños. Tamén pode ser que se desenrolen tras unha perturbación como unha tala ou un incendio, nestes casos son unha etapa no proceso ata a recuperación do bosque que había antes do impacto.
As matogueiras na Galicia costeira son coñecidos polos botánicos como carrasqueira húmida atlántica. Hábitat catalogado como de interese, a pesares de estar desarbolado. Algunhas das especies que a compoñen son as xestas (Cytisus sp.), os toxos (Ulex europaeus, U. minor),o rañalobos (Genista triacanthos) os carrascos ou uces (Calluna vulgaris, Daboecia cantabrica, Erica ciliaris), etc. Son habitats cunha grande biodiversidade e importancia ecolóxica que paga a pena protexer.
Entre a fauna que prefire este hábitat para vivir temos reptís como a cobra lagarteira (Coronella austriaca) que a pesares do nome en galego é inofensiva. Aves como a papuxa do mato (Sylvia undata) ou a chasca (Saxicola rubicola) e tamén mamíferos como o coello (Oryctolagus cuniculus) entre outros moitos organismos vertebrados e invertebrados.
Fragas ou bosques Autóctonos. As fragas ou bosques autóctonos manteñen unha boa representación nos montes comunais, aínda podemos atopar pequenas carballeiras e bosques de ribeira espallados por todas as parroquias do concello. Ocupan os enclaves máis inaccesibles ou que non son aptos para a explotación, así como as ribeiras dos numerosos regos e regatos que temos en Vigo.
Actualmente, estas manchas de bosque autóctono son obxecto de protección e potenciación, mediante novas plantacións por parte das comunidades de montes. Isto é debido a que son ecosistemas moi importantes dende o punto de vista da conservación. A recuperación do bosque atlántico é unha prioridade, xa que este ecosistema desapareceu nunha grande porcentaxe da súa área potencial de distribución, sobre todo na Galicia costeira.
Na Zona de Vigo o protagonista indiscutible das fragas autóctonas é o carballo (Quercus robur) que acompañado en menor medida de outras árbores como Castiñeiros (Castanea sativa), sobreiras (Quercur suber), bidueiros (Betula pubescens) entre outros conforman o estrato superior da fraga.
No estrato medio temos árbores de pequeno porte e arbustos que medran baixo as grandes árbores, entre eles podemos ver acivros (Ilex aquifolium), pereiras bravas (Pyrus cordata), sabugueiros (Sambucus nigra), sanguiños (Frangula alnus), etc.
No estrato máis baixo, no herbáceo temos unha gran diversidade vexetal nos bosques autóctonos, moito maior que nas plantacións forestais. Salientable tamén é a abundancia de fungos, que cumpren unha importante función ecolóxica descompoñendo a materia orgánica xerada nos bosques. É sobre todo no outono onde poderemos ser testigos da gran diversidade e omnipresencia dos cogumelos.
Unha pequena mostra de estas plantas do sotobosque poderían ser os cáncaros (Primula vulgaris), anémonas (Anemona nemorosa), amarelles (Narcissus sp.), violetas (Viola odorata)
Mención especial merecen os bosques de ribeira, no entorno dos ríos e regatos temos un tipo de fragas moi ricas en especies. Estes bosques de ribeira aproveitan as condicións especiais de humidade que se dan nas ribeiras dos ríos para medrar de xeito moi exuberante. Soen ser zonas moi abruptas e protexidas que escaparon da man do home, en moitos casos, polo dificil acceso e que manteñen unhas condicións ambientais particulares, moi protexidas, con temperaturas suaves e gran humidade, ideais para o desemrolo de especies moi sensibles.
As árbores que dominan as ribeiras son especies amantes da auga como o salgueiro (Salix atrocinera), o amieiro (Alnus glutinosa), o freixo (Fraxinus angustifolia), a abeleira (Corylus avellana), o loureiro (Laurus nobilis), etc. Moitas veces cubertos de plantas trepadoras como a hedra (Hedera hibernica) ou a herba salgueira (Lonicera periclymenun)
Nestas fragas húmidas podemos atopar algunha especie moi interesante, como varias especies de fentos que atoparon aquí as condicións para sobrevivir dende o terciario, cando o clima era moito mais húmido e cálido. Temos especies comúns as zonas de laurisilva das illas da macaronesia, como as Canarias e as Azores.
Destaca pola abundancia a Cabriña (Davallia canariensis) pero podemos atopar outras especies mais raras e localizadas:
Outra das xoias das ribeiras é a saramaganta (Chioglosa lusitanica) que é un anfibio endémigo de Galicia, Asturias e o Norte de Portugal, clasificado como vulnerable no catálogo de especies ameazadas. É unha especie antiga que é o único representante da súa familia que queda no mundo, e que sobreviviu aquí dende os tempos nos que o clima era húmido e cálido, ó igual que os fentos.
A saramaganta non é o único anfibio propio das fragas, as píntegas (Salamanra salamandra) e os sapos comúns (Bufo spinosus) son especies que podemos atopar no chan das fragas durante as noites húmidas, moitas veces moi alonxadas da auga. Outras dependen mís das correntes de auga como a rá patilonga (Rana Iberica).
Píntega
A fauna das fragas de Vigo é moi rica, destaca un gran número de aves forestais, como varias especies de ferreiriños (Periparus ater, Parus major, Cyanistes caeruleus),o paporrubio (Erithacus rubecula) o gaio (Garrulus glandarius) o Pombo (Columba palumbus). Aves rapaces como o miñato (Buteo buteo), o azor (Accipiter gentilis) ou a avelaiona (Strix aluco). Entre outras moitas especies.
Os mamíferos tamén contan con unha boa representación, esquíos (Sciurus vulgaris) , raposos (Vulpes vulpes), teixugos (Meles meles) e xabaríns (Sus scrofa)son comúns nos montes de Vigo. Outros máis escasos comezan a deixarse ver tras décadas desaparecidos como os corzos (Capreolus capreolus).
Pero a maior diversidade animal está representada polos invertebrados, son incontables as especies que habitan as masas forestais autóctonas, pero se temos que mencionar algún sería a vacaloura (Lucanus cervus) por ser unha especie emblemática que precisa para vivir fragas ben conservadas.