Montes de Vigo desenvolveu un programa de actos con motivo do VII aniversario dos lumes de outubro de 2017
A Mancomunidade de Montes de Vigo, que reúne as 14 Comunidades de Montes activas no termo municipal, lembrou este 15 de outubro de 2024 o sétimo aniversario dos devastadores incendios de 2017, que afectaron a unha superficie de 566 hectáreas en cinco das comunidades citadas, o que supuxo un terzo do total do monte forestal de Vigo.
Os actos conmemorativos comezaron cun Acto de lembranza ao acontecido nos Montes de Coruxo, onde se colocou unha placa en recordo daqueles fatídicos días. Esta placa súmase ás xa colocadas en anos anteriores nos montes de Comesaña, Matamá, Valladares e Zamáns.
A continuación, celebrouse a mesa redonda titulada “O papel dos montes de Vigo na cidade: presente e futuro” no salón de actos do CSCR de Beade. O evento estivo aberto á cidadanía, congregando comuneiros, técnicos, veciños e veciñas de Vigo, para reflexionar sobre o presente e futuro dos montes veciñais da cidade.
No marco do acto fíxose un recordatorio do trauma vivido durante os lumes do 15 de outubro de 2017 e dos traballos posteriores tanto de rexeneración como de prevención, así como as estratexias a seguir para implicar á sociedade e as institucións nunha verdadeira anticipación aos futuros lumes que todos os expertos indican que nalgún momento han de chegar.
A sensación de que “é triste, pero non se fixo nada do anunciado no 2017” sigue vixente (ver AQUI recopilatorio de 2017-2024). Por unha banda, o proxecto do "Anel Verde" proposto polo Concello de Vigo en 2018 sigue parado, e mesmo neste mes de setembro de 2024 chegou ao Parlamento Galego sen lograrse pór de acordo as formacións políticas para empuxar unha infraestrutura clave para establecer unha franxa secundaria de prevención, que ao mesmo tempo serva de corredor de conexión dos distintos montes tanto a nivel biolóxico como recreativo.
Por outra banda, tampouco están executadas as accións relativas á área estratéxica de xestión para a defensa pasiva contra o lume por parte da Consellería de Medio Rural. Neste senso, este mesmo mes tivo lugar unha xuntanza para desatascar o tema e semella que tomará forma a partir de 2025.
Tamén se presentou o proxecto que están a realizar conxuntamente a Universidade de Vigo e Mancomunidade de Montes de Vigo denominado “Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor” que, grazas ao financiamento da Fundación Biodiversidade do MITECO, pretende deseñar estratexias e liñas de acción para por en valor os servizos ecosistémicos que os montes prestan.
Despois da presentación inicial, tivo lugar a mesa redonda coa participación de Uxío González, presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, e de Salustiano Mato, catedrático de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo. Ambos abordaron a relevancia dos montes periurbanos tanto no contexto actual como na planificación futura.
Uxío González repasou algúns dos fitos máis relevantes dos últimos anos, como a creación de obradoiros duais e plans de emprego vinculados aos montes, e reflexionou sobre o papel crucial que tiveron os espazos naturais trala pandemia, así como o abandono que están tendo os parques forestais conveniados co Concello de Vigo. Tamén destacou colaboracións recentes, como o acordo con Vegalsa-Eroski para desenvolver actividades de educación ambiental nos centros escolares da contorna ou o apoio da Deputación de Pontevedra para a organización do trail de Montes de Vigo que se realizou na pasada fin de semana. Todo isto no marco dunha evolución da Mancomunidade de Montes de Vigo que ten como lema “polo uso social do monte” e que aspira a formar parte das infraestructuras verdes que conforman unha gran cidade como Vigo.
Salustiano Mato, pola súa banda, centrou a súa intervención nos servizos ecosistémicos proporcionados polos montes de Vigo, especialmente naqueles relacionados co carbono, a auga e os usos recreativos. Fixo un chamamento á cidadanía para valorar estes servizos, destacando o importante papel que xogan os montes en facer un lugar habitable, de xeito que se non existiran habería que crealos como están facendo en moitas grandes cidades polo mundo. Tamén apuntou que necesariamente ten que haber un desenvolvemento normativo que respalde os montes periurbanos dentro da estratexia de infraestruturas verdes que a Unión Europea está a promover, e que a Xunta de Galicia ten que necesariamente ten que trasladar. Finalmente, apuntou que o proxecto "Montes de Vigo 2046" ofrecerá datos concretos que poderían traducirse en pagos alternativos ás Comunidades de Montes polo coidado e xestión dos recursos naturais.
Tras a mesa redonda, o evento finalizou cun animado debate no que se abordaron temas de gobernanza, modificacións normativas e propostas para mellorar a xestión dos montes comunais en Vigo.
Resumo de Prensa
Faro de Vigo: Homenaje a las víctimas de los incendios de 2017
Atlántico Diario: Vía libre a un área dedefensa contra el fuego de Vigo a Nigrán
VigoE: Siete años desde el incendio que arrasó un tercio de los montes de Vigo
Ser: Vigo es una ciudad muy vulnerable a los incendios
Programa de actos previsto para o 15 de outubro de 2024: