A directiva de Montes de Vigo recibe aos representantes do BNG no Parlamento de Galicia e no Concello de Vigo
A entrevista, solicitada polos representantes do BNG no Parlamento de Galicia e no Concello de Vigo, pretendeu abordar os temas que no seu día a Mancomunidade de Montes de Vigo presentara as distintas formacións políticas con motivo das respectivas eleicións vividas en 2023 e 2024 e que, en palabras de Xabier Pérez, son de vital importancia para a cidade de Vigo e queda de manifesto que non se dan logrado avances con escusas de diverso tipo.
A primeira proposta que semella preciso abordar é o Anel Verde que se estudou -e mesmo se fixo un anteproxecto- despois dos lumes de outubro de 2017 e que nestes momentos está esquecido. Por parte de Xabier Pérez, concelleiro de Vigo, cómpre retomar o tema nun momento no que hai dispoñibilidade orzamentaria no Concello de Vigo e no que se ve a necesidade de abordar unha infraestrutura verde que permite protexer á cidade máis grande de Galicia do lume, ao tempo que lograr outros obxectivos sociais e medioambientais. Ademais, insistiu que é cuestión de vontade política, o cal superaría os problemas administrativos e a falla de entendemento entre Concello e Xunta de Galicia neste tema.
Por parte do Presidente de Montes de Vigo vese oportuno o comentado e plantexa unha colaboración máis intensa entre o Concello de Vigo e a Mancomunidade de Vigo, que permita abordar a relación entre dúas institucións que se complementan e na que Montes de Vigo está aportando á sociedade unha serie de servizos ambientais vitais sen que haxa unha resposta acordes por parte do Concello de Vigo. Nesta liña, o concelleiro do BNG en Vigo, concordou na necesidade de abordar esta relación e a solución pasa por un convenio de colaboración acordes coa realidade actual e que supere o modelo paternalista existente ata o momento e que procede dos anos 90.
A parlamentaria autónomica Alexandra Fernández, reforzando o comentado, puxo de manifesto a necesidade de que a Xunta de Galicia tamén aborde as súas responsablidades no tocante aos montes de Vigo, dado que ten que activar as áreas de defensa estratéxica e que non a dan posto en funcionamento a pesares da urxencia que se ve en protexer Vigo dos grandes lumes. Tamén coincidiu no plantexamento de abordar unha estratexia de infraestruturas verdes que aborden de xeito global a ordenación do territorio e, neste caso, do monte de Vigo, que supón un 17% da superficie.
Estes e outros temas abordados permitiron chegar a conclusión de que é necesario promover iniciativas que permitan abordar temas que permiten conformar a cidade do futuro incorporando aos actores que participan nela e comprometendo recursos e deseñando solucións en base á natureza para abordar as necesidades que hoxe en día se presenta a sociedade e que pasan pola estratexia de infraestructuras verdes promovidas pola Unión Europea.