Clausura da Semana micolóxica "Montes de Vigo 2046" con charla de Marisa Castro e degustación
Este venres 8 de novembro, na antesala do San Martiño, houbo ocasión de porlle o broche á Semana micolóxica "Montes de Vigo 2046" coa presenza de Marisa Castro na charla "Os coutos micolóxicos nos montes de Vigo: primeiros pasos e propostas". Tanto na exposición da recoñecida experta como no turno de preguntas, poidose comprobar que é relevante organizar os coutos micolóxicos conforme á normativa vixente e realizar un proceso de educación da cidadanía para por en valor un dos recursos que proporciona o monte á sociedade.
Ao rematar a charla e como colofón da semana de actividades houbo ocasión de degustar cociña micolóxica preparada na cafetería do Parque Forestal de Beade xunto coas castañas preparadas polos membros da Comunidade de Montes de Beade, todo acompañado co correspondente viño galego.
Unha agradable forma de pechar as actividades organizadas por Montes de Vigo entre setembro e novembro e na que participaron preto de 150 persoas.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU