Clausura do III Obradoiro forestal nos montes de Vigo coa entrega de diplomas
O III Obradoiro forestal nos Montes de Vigo finaliza a súa singladura despois de 12 meses de realizar un intenso programa de formación e de traballos en trece comunidades de montes de Vigo. Trátase dun obradoiro dual financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e executado pola Mancomunidade de Montes de Vigo.
Durante este tempo 10 alumnos, 3 mulleres e 7 homes, participaron na formación para lograr o Certificado de profesionalidade de Peón forestal, que lles habilita para o desempeño neste sector cunha demanda crecente de profesionais.
Asemade, durante o período de actividade realizaron prácticas e obra que contribuíron ao mantemento das citadas comunidades de montes, así como para coller experiencia tanto en competencias existentes como en novas competencias. O resultado foi satisfactorio para os/as participantes, así como para as entidades implicadas.
O acto de clausura tivo lugar no Centro Cultural de Valladares, coa presenza da Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortíz e o Director Territorial da Consellería de Emprego, José Antonio Rodríguez Fachado, así como por representantes das comunidades de montes co Presidente de Montes de Vigo, Uxío González, á cabeza.
Durante o acto houbo tempo para intercambiar pareceres co alumnado e para chegar todos ao acordo que hai moito traballo que facer no monte e que ese traballo compre planificalo para desenvolver ao longo de todo o ano.