Comunidades de montes de Vigo participan en Baroña e Froxán nun intercambio de CAPRIF-CC
Ao longo da xornada tívose ocasión de coñecer de preto as experiencias de multifuncionalidade das comunidades de montes de Baroña (Porto do Son) e Froxán (Lousame), así como debater sobre as problemáticas comúns de distintas comunidades de montes procedentes de toda Galicia.
Dende Vigo achegáronse os presidentes das comunidades de montes de Teis e de Matamá, así como un representante da Mancomunidade de Montes de Vigo.
O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) pretende amosar cómo é posíbel transformar os territorios, protexéndoos fronte ás ameazas e poñendo en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte. Está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación CEER, CETEMAS, Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
O proxecto está creando unha rede de ‘Living Labs’ en Galicia e Asturias nos que se levarán a cabo numerosas actividades de innovación aberta, formación e co-creación buscando a dinamización económica no ámbito forestal e os usos multifuncionais. Tamén se elaborará un mapa de talento e un atlas de boas prácticas para pór en valor e divulgar as experiencias de conservación comunitaria e xeitos de xestión positivos en termos de fomentar territorios resilientes e biodiversos.
A Mancomunidade de Montes de Vigo intercambia experiencias con este proxecto na medida en que "Montes de Vigo 2046: montes veciñais en valor" tamén conta co apoio da Fundación Biodiversidade.