Arranca a capacitación de comuneiros e peóns forestais en xestión micolóxica dentro de Montes de Vigo 2046
Ao longo do mes de maio está previsto que se desenvolva a acción formativa "Xestión forestal sostible e especialización en recursos micolóxicos" prevista dentro das accións do proxecto "Montes de Vigo 2046". Un total de 20 alumnas e alumnos participan no curso que pretende capacitar tanto aos comuneiros e comuneiras de Beade e Matamá na creación de sendos coutos micolóxicos periurbanos, así como peóns forestais que poidan traballar nos mesmos ou noutros que poidan xordir na Mancomunidade de Montes de Vigo.
Ao longo do curso de un total de 30 horas impartido por MycoGalicia Plantae terá lugar formación teórica en torno a importancia da sostibilidade na xestión forestal e, particularmente, no eido da xestión micolóxica. Abordaranse tamén técnicas de manexo forestal e de xestión micolóxica, para finalmente facer prácticas reais de deseño dun xardín micolóxico e micorrización en diversos espazos dos montes de Beade.
Na primeira sesión os participantes xa puxeron de manifesto os seus coñecementos e as súas dúbidas, xerándose un clima de intercambio moi enriquecedor.
Esta actividade forma parte da Acción 3 do proxecto “Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo” e conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU