Montes de Vigo celebra os Días dos Bosques e da Auga 2025

Monte periurbano de Vigo visto dende a Comunidade de Montes de Oia

A Mancomunidade de Montes de Vigo aproveita a celebración do Día Internacional dos Bosques (22 de marzo) e o Día Mundial da Auga (21 de marzo) para lembrar o traballo que se está a realizar durante este ano de investigación sobre o papel dos montes periurbanos de Vigo en colaboración coa Universidade de Vigo en tres aspectos salientables: a regulación hídrica, a regulación do carbono e os servizos recreativo-culturais. Desta investigación resultarán propostas de estratexias de actuación cara os vindeiros 25 anos nos que se busca mellorar a provisión destes servizos ecosistémicos.

Fonte nos Muíños de Zamáns, xestionado pola Comunidade de Montes de Zamáns

A modo de exemplo, os datos provisionais cifran que un 12% do subministro da auga no termo municipal de Vigo procede dos mananciais que existen nos montes de Vigo. Nun contexto no que a auga cada vez ten máis valor, este reservorio cómpre coidalo cunha silvicultura que o favoreza e para ilo cómpre buscar estratexias nas que se impliquen non só as comunidades de montes veciñais en man común senón o resto dos actores implicados nunha xestión da auga sustentable no tempo: administracións, empresas xestoras do subministro, empresas consumidoras de auga, etc.

O proxecto "Valorización e xestión sostibles dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo" conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU