Representantes de Vegalsa-Eroski compartiron co CEIP Josefa Alonso a visita aos montes de Matamá

O alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Josefa Alonso realizaron hoxe a saída práctica dentro do programa "Os montes de Vigo na escola", para pór a proba o traballado previamente na aula en relación co coñecemento das comunidades de montes veciñais en común -neste caso de Matamá-, así como aprendizaxes sobre flora e fauna. Ademais, nesta ocasión poideron sensibilizarse sobre o problema dos verquidos de lixo descontrolados no monte.

Distintos momentos das actividades educativas

VIDEO RESUMO DA ACTIVIDADE

Visita de Vegalsa-Eroski aos montes de Vigo

Durante a actividade estivo presente Irasema Dámaso, responsable de comunicación de Vegalsa-Eroski, para coñecer de preto a dinámica das actividades realizadas e a evolución do programa que está conveniado coa Mancomunidade de Montes de Vigo e que xa vai pola segunda edición. Neste período 2024-2025 teñen participado 14 centros e un total de preto de 600 alumnos e alumnas.

Intervención de Irasema diante dos participantes.

O presidente da Comunidade de Montes de Matamá, Indalecio Bastos, e o presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo deron a ver a importancia de que dende temprana idade se coñeza o entorno no que se vive e o papel que desempeñan os montes na vida das parroquias e da cidade. Tamén agradeceron a colaboración de Vegalsa-Eroski, que posibilita unha iniciativa na que se ten posta moita ilusión pois crea a base para que haxa continuidade xeracional na conservación de espazos dos que se beneficia toda a comunidade e que, en casos como os dos montes de Matamá, arderon completamente nos lumes de 2017.