Vegalsa-Eroski asina convenio de colaboración con Montes de Vigo
Vegalsa-Eroski e Montes de Vigo veñen de establecer un convenio de colaboración para promover actividades de uso social do monte nas 14 comunidades que conforman o anel verde de Vigo.
Baixo este acordo, Gabriela González, directora de Sostenibilidad y Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, e Uxío González, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, deron a coñecer a programación de "Os montes de Vigo na Escola", en virtude a cal o alumnado de 6º de primaria de 10 centros da cidade vai ter ocasión de coñecer polo miúdo dos valores naturais e patrimoniais dos montes máis próximos, así como a dinámica das comunidades de montes veciñais en man común.
No acto estiveron presentes a directora do CEIP Coutada Beade, Sheila Fernández, e o director do CEIP Otero Pedrayo, Victor Manuel Casal, en representación dos centros educativos participantes. Nas súas intervencións, ademáis de agradecer a colaboración das institucións promotoras, puxeron de manifesto a importancia de que o alumnado poida coñecer de preto o seu entorno máis cercano, que se acheguen aos recursos recreativos e naturais que están a disposición e, que, en definitiva, os máis cativos se sintan como unha parte do ecosistema no que viven. Tamén avogaron por unha continuidade no programa para que así sexa unha actividade que cada ano se poida integrar no curriculo programado.
As actividades programadas en "Os montes de Vigo na Escola" arrancan durante este mes de marzo e chegarán ata o mes de maio, con visitas aos parques forestais e lugares singulares de cada comunidade. A vindeira semana terá lugar as primeiras actividades co CEIP Ría de Vigo e co CEIP Coutada Beade.
Acompañando a estas actividades entregarase aos participantes un folleto informativo que a través do QR incrustado permite acceder a un espazo web con diversa información sobre os Montes de Vigo e as comunidades de montes veciñais en man común. Ver AQUI.